O meu proxecto Koroiev é finalista nos premios Martin Códax na categoría de electrónica.
É unha boa noticia dentro de todo o que está a pasar estes meses. Pandemia mundial do Coronavirus, todos pechados na casa (poñoo por se lees esto dentro de dez anos e se esqueceu o tema).
Unha alegría moi grande. Tardei en voltar a Koroiev e as súas viaxes, pero valeu a pena. Valverde é un disco importante para min, non só porque permitiu a volta aos directos. Senón porque o proceso foi longo, atravesa varios periodos da miña vida e o resultado é máis que satisfactorio. Só son un conxunto de temas, pero ahí queda pousada moita historia.
Unha alegría tamén saber de Músculo! e Yugen kala. Finalistas na mesma categoría. A Músculo! vinos varias veces en directo. Uns cracks.
Hai grandes nomes dentro dos finalistas de todas as categorías, para min xa é unha honra estar entre eles.
Estaría ben ir a gala dos premios con Serxio e Fernando, os compas de Ferror Records. Máis non se sabe que vai suceder, quizáis a finais de ano poida facerse ou quizáis non. De momento todo está a suceder online. Iremos informando.
http://premiosmartincodaxdamusica.gal
Un pouco de info:
Os Martín Códax son os Premios promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo que nacen co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego.
Van dirixidos a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2020. A inscrición para acadar a nominación aos premios é libre e gratuíta.
O proceso de inscrición de proxectos estivo aberto dende o 1 de marzo ata o 15 de marzo de 2020.
O pasado luns 6 de abril celebrouse de xeito telemático a xornada de deliberación do xurado profesional escollido pola xunta directiva de MÚSICAS AO VIVO para decidir os proxectos finalistas desta VII edición dos Premios Martín Códax da Música.
O xurado foi o encargado da primeira selección de entre as 581 propostas recibidas nesta sétima edición, escollendo os 60 proxectos finalistas seguindo o proceso establecido dentro das normas do certame.
Co obxectivo de velar pola lexitimidade e coherencia da convocatoria, a composición do xurado foi secreta durante o proceso de votación, mesmo para os propios integrantes do xurado, ata o día da xornada de deliberación.